Tuesday 07 de May de 2024

A Xunta e o concello colaboran na renovación do pavillón municipal de Lousame cun investimento de máis de 49.800€


― O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, supervisou o resultado das obras que tiveron un orzamento total de 49.800 euros e contaron cunha axuda do Goberno galego de 40.000 euros

― O obxectivo destas achegas é apoiar a práctica deportiva nos concellos mellorando as instalacións municipais

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, supervisaron o resultado das obras de mellora no pavillón municipal que contaron cun orzamento total de 49.800 euros dos cales a Xunta achegou 40.000 euros.

Trenor destacou a colaboración entre o Goberno galego e o Concello permitiu que se levaran a cabo a limpeza de todas os perfís metálicos do edificio e a súa posterior imprimación, a renovación da carpintería, cerraxería e vidros en mal estado o revestimento, pintura e tradosado do inmobles e a sinalización e renovación do equipamento máis deteriorado.

O representante do Goberno autonómico recalcou que “o obxectivo destas achegas é a de apoiar a práctica deportiva no concellos”. Segundo indicou Trenor “trátase de contribuír a potenciar o deporte, que ten un papel transcendental na sociedade para a mellora da calidade de vida dos cidadáns”.

Así, o delegado da Xunta tamén apuntou que “fomentar a actividade deportiva e os hábitos saudables cumpre unha importante tarefa na formación educativa dos mozos e mozas nas respectivas disciplinas onde desenvolven a súa actividade”.

Ademais, resaltou que estes proxectos contan “coa colaboración directa dos concellos que ademais de aportar unha porcentaxe do custe da obra son os encargados da redacción do proxecto e da execución da mesma”.